24/10/08

¡ XA TEMOS GAÑADORES !

  • A imaxe gañadora é un bosque de piñeiros do Monte Galiñeiro na provincia de Pontevedra


Un total de 268 imaxes do monte galego inscribíronse na I Edición do Concurso fotográfico “O monte é a nosa vida” desde que se realizase a convocatoria o pasado mes de xuño e finalizase o prazo o 30 de setembro. Durante estes catro meses, o portal do concurso habilitado en internet para as fotografías recibiu imaxes representativas do monte e a paisaxe autóctona galega das catro provincias.

A imaxe gañadora segundo a votación do xurado correspóndese cun bosque de piñeiro na provincia de Pontevedra no Monte Galiñeiro. O segundo premio é para unha imaxe obtida na Aldea da Cova (O Saviñao-Lugo). Para rematar, o xurado elixiu como terceira imaxe premiada, unha fotografía realizada en Vilabade no Concello de Castroverde (Lugo). Ademais destes tres premios, o xurado decidiu outorgar sete accesits a outras instantáneas pola súa representatividade.

As asociacións Fearmaga, Monte Industria e Clúster dá Madeira de Galicia foron as promotoras deste concurso que tiña como obxectivo premiar as imaxes que mellor reflectisen a importancia do monte para Galicia.

O xurado estivo formado polo Director Xeral de Montes, Alberte Blanco; o Decano Autonómico do Colexio de Enxeñeiros de Montes, Guillermo Acebal; Xermán Estévez, Presidente da Fundación Xermán Estévez para a Conservación da Natureza e Elena Fabeiro da Fundación María Martínez Otero. A organización do concurso destacou a alta participación obtida nesta primeira edición e remarcou a calidade das imaxes inscritas que se poden ver no Mural de Fotos do Concurso.

O monte é a nosa vida

O concurso de fotografía é unha iniciativa máis da campaña de sensibilización “O monte é a nosa vida, axúdanos a coidalo”, unha campaña de sensibilización social que pretende poñer en valor o monte galego desde tres perspectivas: económica, social e medioambiental.

A resolución do concurso realízase no marco da Semana Forestal Europea, declarada polos ministros responsables dos bosques de 46 países europeos para reivindicar o papel dos bosques no continente para mitigar o cambio climático, garantir o fornezo de madeira e enerxías renovables, e protexer o medio ambiente.

Grazas a todos polo voso apoio e participación


18/10/08

¡ 268 fotografías presentadas !

Grazas ó interese polo monte galego o mural chegou ás 268 fotografías publicadas.

O xurado leva xa uns días facendo as súas valoracións e esperamos poder anunciar os gañadores na vindeira semana coincidindo ca celebración da Semana Forestal Europea.

Debido ao número e calidade dos traballos presentados estamos pensando en novas actividades como exposicións, publicacións, etc
¡¡¡ Admitimos suxestións !!!

24/6/08

Bases do Concurso



BASES DA I EDICIÓN DO CONCURSO DE FOTOGRAFÍA O MONTE É A NOSA VIDA

Premios ás fotografías que mellor reflictan a importancia do monte para Galicia


- Poderán presentar os seus proxectos no concurso as persoas físicas, sexan ou non profesionais da fotografía.

- O tema das fotografías presentadas é libre sempre e cando realce os valores económicos, ecolóxicos e sociais do monte galego.

- A data límite para presentar as fotografías será o vindeiro 30 de setembro de 2008 pero o prazo poderá ampliarse se así o considera a organización.

- Para poder enviar as fotografías será necesario contar cunha conta de usuario de flickr (www.flickr.com) e adherirse ó grupo “Concurso O monte é a nosa vida” aceptando as presentes reglas.

- Para confirmar a participación no concurso é necesario remitir un correo electrónico á dirección de correo electrónico do concurso cos seguintes datos: usuario flickr, nome e apelidos e correo electrónico de contacto ou número de teléfono, co fin de que a organización poda poñerse en contacto cos gañadores.

- Cada usuario poderá enviar un máximo de 10 imaxes por semana.

- Cada imaxe deberá ter un título e un breve texto explicativo (localización ou "geotag", data e explicación do que se ve na imaxe).

- A organización poderá cursar invitacións a usuarios de flickr que publiquen fotos da tematica do concurso nas suas galerías.

- Previa a aparición da foto no mural do grupo, o Administrador será o responsable de verificar que cumpren coas condicións que se establecen nas bases.

- Cada fotografía deberá contar cunha licencia de Atribución de Creative Commons 2.0 ou superior o que significará que a imaxe que se suba ó mural poderá ser utilizada sempre e cando se cite o seu autor.

- Pola aceptación das bases, o autor declara, baixo a súa responsabilidade, ser o propietario intelectual das mesmas.

- Un xurado será o encargado de valorar as fotografías propostas e seleccionar as gañadoras.

- Unha representación das tres asociacións informará aos gañadores persoalmente dos proxectos seleccionados.

- As imaxes enviadas poderán ser utilizadas polas asociacións organizadoras e poderán ser publicadas en diversos medios de comunicación (prensa escrita, revistas especializadas, portais web...) así como en materiais corporativos.

- O concurso consta de tres categorías: 1º, 2º e 3º premio. O primeiro gañador consistirá nunha fin de semana para dúas persoas nunha casa rural de Galicia. O segundo premio é unha cámara de vídeo e o terceiro unha cámara fotográfica.

- Non poderán participar os familiares directos dos membros da organización do concurso.

- Para calquera consulta podedes poñerte en contacto coa organización a través da dirección de correo electrónico do concurso:

- No blog O MONTE E A NOSA VIDA - Concurso Fotografico 2008 ofrecerase información actualizada e novidades sobre o concurso.